Friday 03 de May de 2024

O Concello abre mañá, mércores 19 de abril, o prazo de solicitude das axudas destinadas ás persoas coidadoras de persoas dependentes


A liña de axudas, dotada con 250.000 euros, permitirá ás persoas beneficiarias o financiamento de servizos orientados ao seu benestar persoal: sesións de fisioterapia, atención psicolóxica e actividade deportiva

A presentación das solicitudes poderá levarse a cabo nos rexistros municipais de María Pita, rúa da Franxa, Ágora e Fórum Metropolitano, así como a través da Sede Electrónica Municipal

O Concello da Coruña abre mañá, mércores 19 de abril, o prazo para solicitar as axudas destinadas ás persoas coidadoras de persoas dependentes, unha iniciativa ideada co obxectivo de promover o autocoidado das persoas coidadoras, un colectivo identificado como vulnerable polo desgaste físico e mental que supón atender a alguén cunha gran dependencia. Desta forma, as persoas beneficiarias das axudas poderán financiar servizos de benestar persoal como sesións de fisioterapia, formación, atención psicolóxica e actividades de práctica deportiva.

A nova convocatoria de axudas para promover o benestar e autocoidado das persoas coidadoras de persoas dependentes aprobouse a semana pasada en Xunta de Goberno Local. Este ano, a liña de axudas está dotada con 250.000 euros de orzamento e vai destinada, especificamente, ás persoas coidadoras que convivan con persoas dependentes de grao III que conten con resolución do Plan Individualizado de Atención a través do Servizo de Axuda a Domicilio na Coruña.

As axudas, de carácter individual, consistirán nunha achega económica que será, como máximo, de 500 euros para cada persoa beneficiaria, sempre e cando esta cumpra os requisitos pautados, como, por exemplo, que a persoa solicitante estea empadroada no termo municipal no mesmo domicilio que a persoa dependente que recibe os coidados.

Ademais, tamén será imprescindible estar ao corrente das obrigas fiscais coa Axencia

Estatal da Administración Tributaria (AEAT), o Concello da Coruña e a Tesouraría Xeral da Seguridade Social.

Na convocatoria facilítase, ademais, a posibilidade de que o pagamento da subvención se realice de xeito anticipado.

A presentación das solicitudes poderá levarse a cabo a partir de mañá nos rexistros municipais de María Pita, rúa da Franxa, Ágora e Fórum Metropolitano —sexa ou non con cita previa—, así como a través do rexistro telemático da Sede Electrónica Municipal.

A información completa sobre a convocatoria de axudas, así como a relacionada coa documentación a presentar, xa pode consultarse no extracto publicado hoxe no Boletín Oficial da Provincia (BOP) e tamén a través da páxina web da Concellaría de Igualdade, Benestar Social e Participación Cidadá.